XUSTIFICACIÓN



Somos un grupo de profesores, de distintos niveis e materias do CPI A Cañiza. 
A Cañiza é un concello rural, de media montaña da provincia de Pontevedra, ben comunicado, que conta cuns sete mil habitantes, na súa maioría galego falantes.
O nivel socio-económico dos habitantes do concello , é en xeral baixo, especialmente os das zonas rurais máis afastadas do núcleo urbano, que vive, dunha agricultura-gandeiría de subsistencia, empregos non cualificados, pensións dos maiores… frente a unha minoría que ten postos máis cualificados no sector servizos, no comercio da vila e en pequenas empresas como autónomos.
A vila conta con tódolos servizos dunha vila tipo: centro de saúde, garda civil, policía municipal, biblioteca pública, casa da cultura, polideportivo…

No centro  escolarízanse alumnos repartidos do seguinte xeito: Educación Infantil (6 unidades), Educación Primaria (12 unidades) Educación Secundaria Obligatoria ( 14 unidades)
O CEIP Touzosas (Valeixe), o CEIP de Crecente e o CEIP Antonio Carpintero (Arbo), son centros adscritos ó noso.

O grupo de profesores que formamos parte deste grupo de traballo abrangue dende infantil, primaria e secundaria, de distintas materias; tecnoloxía, música, relixión, titoras de 6º  e 3º de primaria ata o director do centro, especialista en lingua inglesa.
Plantexabámonos a posibilidade de traballar xuntos nun proxecto común, que tivese, entre outros pilares: por un lado algo relevante, significativo e próximo ós nosos alumnos, e por outro o emprego das TIC na nosa práctica diaria.

Cremos que na vila existen diversos elementos artísticos descoñecidos, pouco valorados, na súa maioría religiosos. No noso caso, centrámolo nos templos. De aquí parte o proxecto de recompilar o esencial destes templos e a súa arte, non só a arquitectónica, senon a musical, orixe e incidencia na vida da aldea.

Con este traballo queremos implicar ós nosos alumnos a valorar, coñecer e respecta-los elementos artísticos da súa aldea, así como desperta-lo interese pola arte, en calquera das súas expresións. Todo dende o emprego das TIC, pero dun xeito novedoso: coa Realidade Aumentada e os códigos QR entre outros.